Tuesday 07 de May de 2024

O Concello lembrará a Pedro Brandariz cunha homenaxe o día 22 no seu cabodano na renovada praza do Humor


A silueta do actor e humorista coruñés forma parte das 13 novas figuras que lucirán no renovado espazo público

O Concello da Coruña celebrará unha homenaxe a Pedro Brandariz con motivo da conmemoración do cabodano da súa morte. O acto terá lugar o vindeiro mércores 22 de febreiro na emblemática praza do Humor, lembrando ao humorista o mesmo día no que se cumple un ano do falecemento. “Pedro Brandariz é unha persoa moi querida e respetada polo sector cultural polo seu traballo e con esta homenaxe queremos recordalo para que non caia nunca no esquecemento” explicou a alcaldesa, Inés Rey.

A homenaxe será tamén o marco de presentación da renovada praza do Humor. Consta de 384 metros cadrados e un pavimento artístico en mármore branco coñecido como ‘Viñetas’ no que se representa, mediante ilustracións realizadas por grabado, a autores como Mark Twain, Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Molière, actores como Groucho Marx ou Mae West e personaxes como Astérix e Obélix, Charlot, Mafalda e Snoopy.

No contexto dos traballos de mellora e restauración do pavimento artístico ‘Viñetas’, o pintor e escritor Siro López Lorenzo —autor do deseño da actual praza do Humor— levou a cabo a creación de 13 novas ilustracións de iconas culturais relacionadas co mesmo. Entre estas 13 figuras enmarcadas no novo diseño da Praza do Humor atópase a de Pedro Brandariz, como lembranza do traballo do actor e humorista coruñés. “O vindeiro mércores 22 recordaremos o seu legado na Praza do humor, a carón da súa silueta, coa que Brandariz terá un recordo imperecedoiro na historia da Coruña pois a súa figura ficará para sempre gravada nas rúas da nosa cidade”, sinalou Inés Rey.